BLOG DA BIBLIOTECA DO CEIP PORTO CABEIRO (REDONDELA, PONTEVEDRA)

BLOG DA BIBLIOTECA DO CEIP PORTO CABEIRO (REDONDELA, PONTEVEDRA)
SAÍNZA, A NOSA MASCOTA

domingo, 7 de noviembre de 2010



VISITA DE XOSÉ COUÑAGO Á BIBLIOTECA

O mércores, 3 de novembro, acudiu ao noso Centro, a petición da Biblioteca Escolar, Xosé Couñago, profesor de Galego da Escola Oficial de Idiomas de Vigo. A invitación respondía á necesidade de motivar ao noso alumnado de cara á elaboración dun conto colectivo ambientado nas tres parroquias de procedencia do mesmo: Cabeiro, Vilar e Santo Estevo de Negros e que ten que reflectir a súa toponimia, flora, fauna, patrimonio... E para iso ninguén mellor que o noso convidado, gran coñecedor de primeira man do noso patrimonio cultural.
Nacido en Redondela e veciño actualmente de Vigo ten unha páxina Web http://xosecounhago.com/ na que vai recollendo e divulgando o patrimonio cultural desa cidade, páxina pola que lle deron un premio da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta polo “desenvolvemento de contidos en internet orientados á promoción cultural”.
Na conferencia, impartida aos cursos de 4º, 5º e 6º de Primaria, falounos de lugares e monumentos do contorno máis próximo ao noso colexio e que teñen milleiros de anos de historia ás súas costas, como o “ Castro de Negros ”, o “ Miliario romano de Vilar ” ou o “ Bosque de mámoas ”, situado entre as parroquias redondelás de Negros e Trasmañó. Ademais de contarnos tradicións relacionadas con ditos monumentos, amenizounos con lendas e contos populares antigos que teñen que ver con tradicións ancestrais como as da “ Santa Compaña ” ou a lenda da“ Moura-serpe ”.
Ao remate da charla, seguida con moita atención, abriuse unha ampla quenda de preguntas do noso alumnado que aproveitou, nalgúns casos, para contar o que os seus avós relataban nas casas de ditas historias. Por último, convidamos ao noso ilustre visitante a asinar no “Libro de Honra” da Biblioteca que se estreaba para a ocasión.

No hay comentarios: