O xoves e o venres, 3 e 4 de novembro, todo o alumnado puido ver o documental "O Mar da fin do mundo. O reino dos cefalópodos".
As costas de Galicia foron consideradas durante séculos a "finisterrae" do mundo coñecido, cun mar axitado e misterioso, baixo cuxa superficie, ademais de historias e lendas, se atopa unha das máis ricas biodiversidades de todas as augas do planeta. Un mar cheo de vida. Aquí teñen o seu reino os cefalópodos, criaturas dunha intelixencia moi desenvolvida e capacidade de aprendizaxe moi notable.
Co documental aprendemos que polbos, chocos, calamares... teñen unha gran versatilidade que lles permite modificar o aspecto da súa pel para imitar a cor e o relevo dos fondos mariños e así lograr unha camuflaxe perfecta para pasar inadvertidos e para cazar. Tamén coñecemos os seus comportamentos para reproducirse e alimentarse.
Ademais dos cefalópodos admiramos outras criaturas mariñas propias das nosas costas: raias, linguados, congros, lampreas, centolas, vieiras, ameixas, cabaliños de mar, medusas...
Podedes ver algunhas imaxes da proxección na entrada seguinte titulada: "O mar da fin do mundo".
No hay comentarios:
Publicar un comentario