BLOG DA BIBLIOTECA DO CEIP PORTO CABEIRO (REDONDELA, PONTEVEDRA)

BLOG DA BIBLIOTECA DO CEIP PORTO CABEIRO (REDONDELA, PONTEVEDRA)
SAÍNZA, A NOSA MASCOTA
Mostrando entradas con la etiqueta CONTACONTOS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta CONTACONTOS. Mostrar todas las entradas

domingo, 16 de abril de 2023

Ramón Veiga

 Ola rapazada!!!

O pasado venres estivemos na biblioteca co famoso autor Ramón Veiga que escribiu o xa coñecido conto "Violeta quere ser vampira" e a colección de divertidísimos cómics  "Miñoca e Pega", "Miñoca e Coello" e "Miñoca e Ourizo",  entre outros títulos.

Contounos "Miñoca e Ourizo", o último da colección que nós non coñeciamos aínda. Estamos desexosos de telo na biblioteca porque escachamos coa risa.

Realizamos con Ramón Veiga un obradoiro de banda deseñada co que aprendemos a que os noso personaxes expresen distintas emocións. 

O alumnado de primeiro expuxo un precioso mural realizado coas ilustracións, que eles mesmos fixeron, do cómic "Miñoca e Pega". Precioso!

Por último firmou os exemplares do alumnado e da biblioteca.

GRAZAS RAMÓN!



lunes, 6 de marzo de 2023

A QUE SABE A LÚA

 Ola de novo, nenos e nenas.

Este venres 3 de marzo na nosa biblioteca estreouse, protagonizada polo  alumnado de 6º EP,  unha teatralización do conto A que sabe a lúa para o alumnado de 3, 4 e 5 anos.

A obra foi un éxito, parabéns artistas !!!!



jueves, 2 de febrero de 2023

A PEDRA VERMELLA

 Ola rapazada!

Hoxe, o alumnado de educación infantil e 1º de primaria tiveron a sorte de contar coa visita de Sonia Blanco Sío, autora do conto A Pedra Vermella . Este aborda a importancia das emocións nas nosas vidas.

Ademáis de contar o seu conto,  agasallou a todo o alumnado cunha pedra máxica que logra transformar as emocións que sentimos.





Moitas grazas Sonia pola túa visita!!!


jueves, 26 de abril de 2018

SESIÓN DE CONTACONTOS CON IAGO


A Biblioteca organizou, este 23 de abril para seguir coas conmemoracións do Mes do Libro, unha Sesión de Contacontos  para o alumnado de Infantil, 1º, 2º e 3º de Primaria con Iago López.

 Iago contou dúas historias entrañables: unha, baseada no libro do Hematocrito “Axente Riciños” e outra, tendo como protagonistas a un can negro e a outro branco, do libro  “Eu conto, ti cantas”, de Mª Victoria Moreno, que como sabedes é a autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas...
E contounas interactuando co seu público que tanto pedaleaba e collía as curvas dun camiño como durmía placidamente... 
 E coa súa capa vermella rematou a sesión... quizais ata o ano que vén.

lunes, 22 de mayo de 2017

CONTA CONTOS CON IAGO LÓPEZ



“O cociñeiro Martiño” é un libro para cativos/as escrito por Iago López que acudiu ao noso colexio, convidado pola Biblioteca, facendo de Conta contos e narrándonos esta marabillosa historia a Infantil, 1º, 2º e 3º de Primaria. 
 O noso alumnado, interactou con Iago-Martiño, e mesmo axudou ao Conta contos a dar a coñecer os feitos do libro.
Previamente a Biblioteca montara unha Exposición con exemplares da obra para que o alumnado puidese lela e coñecela.
Iago asinounos todos os exemplares e deixounos unha dedicatoria de lembranza no Libro de Honra da Biblioteca.

jueves, 28 de abril de 2016

MES DOS LIBROS: VISITA DO CONTA CONTOS IAGO


 Iago visitou o noso colexio, convidado pola Biblioteca, o xoves 28 de abril, finalizando así as actividades organizadas para conmemorar o Mes dos libros neste 2.016. En dúas representacións distintas, fixo as delicias do alumnado de Infantil, 1º, 2º, 3º e 4º de Primaria, contándolles a historia de “Feliz Feroz. O lobiño riquiño”.
Interactuando e, mesmo, axudándose de varios alumn@s foi desvelando, pasiño a pasiño, esta entrañable historia chea de mensaxes que provocou a risa dun público agradecido. 
Podedes gozar desta historia na Biblioteca cos exemplares adquiridos.

sábado, 3 de mayo de 2014

O CONTA CONTOS IAGO E AS SÚAS HISTORIAS

 
Para rematar as actividades relacionadas coa conmemoración do "Día do Libro" veu de visita convidado pola Biblioteca, o Conta contos Iago que nos narrou, coa axuda da súa prodixiosa voz, dúas historias ben bonitas: “O señor corpo quere xogar” e "O aprendiz do home do saco", interactuando co público de Infantil, 1º e 2º de Primaria. Con el os cativ@s pedalearon, subiron e baixaron costas, nadaron, camiñaron e .. pasárono moi ben.

Vinde ler estes contos á Biblioteca

viernes, 25 de abril de 2014

EN ABRIL, A FESTA DO LIBRO

 Cada 23 de abril conmemórase o "Día do Libro" e no noso colexio tamén queremos celebralo.
Para iso, organizamos unha Exposición na Biblioteca de libros de Mafalda, para conmemorar o seu 50 aniversario e de “Das cousas de Ramón Lamote”, no seu 30 aniversario. Tamén seleccionamos libros de Abraham Carreiro e de “Oli”, con ocasión das visitas organizadas pola Biblioteca.A aula de 2ºconfeccionou un Marca páxinas, con motivos relacionados co Proxecto da Biblioteca.
 O 23 celebrouse o Encontro de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria co escritor e ilustrador Abraham Carreiro que nos resumiu, debuxando ilustracións dos personaxes principais, os seus libros “Estudios Tex” e “Xoeliki”, lidos polo alumnado destes cursos. Realizou un obradoiro cos de 3º e 4º, contestou a preguntas sobre o seu proceso creativo aos de 5º e 6º e, finalmente, asinou os libros do alumnado e o Libro de Honra da Biblioteca.
http://abrahamcarreiro.blogspot.com.es/
 
Para acceder ao blog de Abraham Carreiro pincha na súa imaxe
 
Encontro de Infantil, 1º e 2º de Primaria co escritor Xosé Manuel Glez. “Oli” que contou os seus libros: “O pirata Pata de Lata”, “Artur”, “Once damas atrevidas”… Asinou exemplares de “Leocadio, o león”, lido polos nen@s de 1º.


lunes, 3 de febrero de 2014

CON ANXO MOURE NUN BOSQUE SOLIDARIO


      O 31 de xaneiro, co gallo do Día da Paz, visitounos o contador de historias Anxo Moure.Veu ao noso colexio, montado no seu PAZtinete, a plantar connosco un "bosque de contos solidarios" con Mozambique, Guatemala, cos refuxiados do deserto do Sahara, con todos os pobos onde hai guerras.
      Para contar estas historias traía con el marionetas feitas por nais que so queren alimentar aos seus fillos, marionetas adquiridas no chamado “comercio xusto” xa que Anxo Moure é unha persoa involucrada na solidariedade entre os pobos.
     Entre outras historias presentounos a súa última creación “A xacia Luviñas”, metade muller, metade peixe, que , segundo as lendas, vivía nas augas do Miño e lembrounos que hai que coidar os ríos, os bosques, nunha palabra, a natureza.

     Foi un fermoso acto de PAZ, un acto contra as guerras no que o alumnado participou activamente desenvolvendo a súa imaxinación. Grazas, Anxo, por lembrarnos o importante que é o cariño entre as persoas e os seres vivos en xeral.
      Finalmente, todos xuntos, mestres e alumnado cantamos a canción

 "O home do espello".


domingo, 2 de junio de 2013

IAGO E AS HISTORIAS DE LINDA

  
 
  Rematamos maio coa visita organizada pola Biblioteca do Conta contos Iago que narrou, nunha primeira sesión dinamizadora, ao alumnado de Infantil e logo, nunha segunda, ao alumnado  de 1º, 2º e 3º de Primaria, as historias de “Linda á espreita” e “Linda vai durmir” de Alexander Steffensmeier.
     Grazas a un libro de grandes dimensións acompañou o seu relato de fermosas ilustracións e do poder suxerente da súa portentosa voz.
 
    
 Interactuando co público conseguiu que este participase con xestos, repeticións de sons e, por suposto, con moita atención e divertidas risas.
 

jueves, 18 de abril de 2013

CONTOS DO MEDIO

    

     Marcelo Rodríguez da Asociación "Faia Educación Ambiental" visitou o noso colexio o martes, 16 de abril, para compartir cos alumnos/as de 1º e 2º de Primaria una sesión de "Contos do medio", unha actividade para acceder ás Competencias no Coñecemento do medio e na Lingua xa que se amosa e se descubre o medio, abundante tamén é o léxico que se aprende, e todo isto acompañado dunha historia para contar.
     Os cativos/as puideron participar na experiencia de xeito activo, interactuando co visitante, establecéndose un entretido diálogo entre ambas partes o que permitiu satisfacer a curiosidade do alumnado.
     En primeiro lugar, Marcelo foilles preguntando que sabían de cada unha das estacións do ano e, a continuación, era el quen relataba as características máis importantes das mesmas.
     Fíxolles reparar na importancia de non incidir negativamente na vida dos seres vivos do bosque; por exemplo, non berrar no monte xa que os paxaros abandonan os seus niños e iso pode ser malo para os ovos ou para as crías.
     Durante o desenvolvemento da sesión o alumnado puido ollar niños, paxaros, froitos do outono,  rolla...e ulir distintas plantas aromáticas.
    

     Finalmente contoulles un conto ben bonito; era a historia dun neno que quería plantar carballos pero sempre atopaba algún atranco que llo impedía, ata que, finalmente, de maior o conseguíu.

 
 
Se queredes saber máis premede neste enlace: www.faia.gl

 

lunes, 31 de enero de 2011

VISITA DO CONTACONTOS MARIO TOMÁS


O 28 de xaneiro, venres, visitounos o contador de contos Mario Tomás por invitación da Biblioteca.
Contounos moitísimas historias como "Cormarín" de Xoán Babarro, “ A miragaia" de Carlos G. Meixide e outras máis, tamén da PAZ, aproveitando que no colexio celebrabamos o Día Escolar pola Paz.