BLOG DA BIBLIOTECA DO CEIP PORTO CABEIRO (REDONDELA, PONTEVEDRA)

BLOG DA BIBLIOTECA DO CEIP PORTO CABEIRO (REDONDELA, PONTEVEDRA)
SAÍNZA, A NOSA MASCOTA
Mostrando entradas con la etiqueta UNHA VIAXE POLO MUNDO. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta UNHA VIAXE POLO MUNDO. Mostrar todas las entradas

lunes, 13 de junio de 2016

REPRESENTANDO O NOSO KAMISHIBAI


 A Biblioteca, coa colaboración do profesorado, confeccionou as imaxes e o texto deste Kamishibai que pretende ser un relato informativo para amosar o máis importante do aprendido sobre os países que estudamos nas aulas: Sudáfrica, Xapón, México, Australia, Brasil, Reino Unido, India, Francia, Estados Unidos, Italia e Groenlandia.
O Kamishibai  creado entre todos leva por título "Saínza, unha aventureira polo mundo". Efectivamente, Saínza, a nosa Mascota, viaxou por todos estes países para mostrárnolos e ensinarnos moitas das súas curiosidades.
 Unha vez impreso o Kamishibai no seu formato final, en A-3, preparamos a  súa presentación e representación diante de todo alumnado, en diversos pases que realizamos na Biblioteca, acompañando con música xaponesa. Subímolo ao Blog e á Rede. Colaborou alumnado de todas as aulas e os voluntarios/as da Biblioteca.

Vídeo do Kamishibai

sábado, 7 de mayo de 2016

VIAXANDO POLO MUNDO DE MIL MANEIRAS

Ao longo deste curso o colexio viaxou polo mundo na procura de coñecemento. Moitos foron os Proxectos de investigación levados a cabo que se materializaron de maneiras diferentes:

En Infantil desenvolveron distintas investigacións que plasmaron na realización de actividades como: Exposicións de obxectos de México, Francia e Italia (os países estudados) aportados polas familias; Libros de traballo e Libros viaxeiros; visionado de monumentos con googlemaps; obradoiros de pasta fresca, queixo, baguettes e comida mexicana así como degustación; manualidades para facer mapas, bandeiras e máscaras; obras de teatro como a dramatización  de Pinocho; cantando “cumpleanos feliz” en italiano… Reprodución de cadros de pintores galegos cuxa temática recordaba México, Francia e Italia.
En Primaria utilizáronse os recursos da Biblioteca e de Internet na busca de información para realizar traballos: En 1º, Libro Viaxeiro dos animais do Ártico; Álbum de fichas de Groenlandia;  Mural “Día Internacional do oso polar”; manualidades para confeccionar máscaras de inuits; creación de Haikus…
En 2º, Dossier individual “Rumbo a Xapón” para estudar de forma multidisciplinar este país; murais diversos; invención de Haikus; manualidades para elaborar máscaras samurais, caretas de animais, monecas, flores kirigami e figuras origami (pombas, garzas, copos de neve…). Práctica da danza xaponesa Bonodori. 
 En 3º elaboración de mapas e bandeiras de Brasil;  murais coa fauna e traballos sobre os Xogos Olímpicos de Brasil 2.016.
En 4º, Taller de poesía inventando poemas sobre Australia; mural co mapa do país para estudar os seus animais e plantas.
En 5º, recompilaron relatos tradicionais da India para contárllelos a outros cursos e na propia aula; mural para recoller os aspectos maís salientables do país como persoeiros importantes, a relixión, as cidades… Celebración de festa do Diwali (novembro). Creación de Haikus.
En 6º,  mural “Unha gran volta polo mundo” marcando a viaxe do libro “A volta ao mundo en 80 días”; exposición de obxectos do mundo; cadernos de Entroido con datos culturais, xeográficos, musicais…Traballos sobre os contos e volcáns do mundo, rutas diferentes por Europa; trípticos dos Parques nacionais de España. Creación de Haikus.
En Educación Física, cada curso investigou sobre un xogo ou deporte  que destaca no país que estudou:“Balero”,“Petanca”,“Curling”,“Kendama”,“Mikado”, “Indiaca”,“Boomerang”,“Croquet”, “Cubo de Rubik” e “Skate finger”. Logo aprendeu o xogo, con intercambios entre cursos. O alumnado de 6º de Primaria (Abalar) preparou unha presentación dixital de cada un dos xogos. Confeccionouse un mural e exposicións.
    Traballouse a alimentación e os alumnos de 5º e 6º fixeron unha montaxe dixital coas receitas de diferentes países que máis lles gustaron.
Na Sección Bilingüe de Plástica, o alumnado de 6º e 5º de Primaria desenvolveu diferentes investigacións usando os recursos Abalar e despois realizou traballos plásticos variados: A Torre Eiffel, murais de distintos países do mundo como Exipto, Italia…A mestra de inglés tamén investigou nas súas clases sobre o Reino Unido.
En música fíxose a adaptación da canción “Paralá”, mencionando os países estudados dentro do Proxecto sendo interpretada polo alumnado na conmemoración do “Día da Paz”; tamén investigacións para coñecer instrumentos musicais de cada país.
A Biblioteca, a súa responsable e alumnado colaborador, confeccionaron un cómic e un mural de África para plasmar o investigado sobre a República Sudafricana.

miércoles, 4 de mayo de 2016

EXPOSICIÓN DE PINTURA

“Pintando outras culturas na nosa cultura” foi o título da Exposición montada no recibidor. Cada curso reproduciu, con distintas técnicas plásticas, o cadro dun pintor/a galego/a cuxa temática abordaba a variedade dos países estudados. 
  Infantil, colectivamente, recreou máscaras venecianas (Italia), a torre Eiffel (Francia) ou a Frida Khalo (México).
En Primaria, individualmente, reproducíronse pinturas que lembraban a EEUU, Australia,India:

Tamén a Brasil e Groenlandia:
E a Xapón: 
Antes o alumnado buscou información dos artistas galegos elixidos: Largo Torres Pato, Alejos, Geli Alonso, Guadalupe Sanjurjo, Mª Dolores leal, Ismael López, Mª Carmen Calviño… e investigou sobre a súa obra.

sábado, 30 de abril de 2016

VIAXANDO POLO MUNDO COA EXPOSICIÓN DE RECICLAXE


 A Comunidade Educativa  durante os meses de abril e maio, no recibidor do colexio, pode gozar da Exposición “Imaxina, debuxa e constrúe”.
 O alumnado e as súas  familias, nas vacacións de Semana Santa, elaboraron con materiais de reciclaxe esculturas feitas sobre elementos arquitectónicos e construtivos característicos dos países do mundo.
 Así había volcáns e cataratas famosas; pirámides exipcias; iglús...
 Construcións romanas como  acuedutos, a Torre de Hércules, o Coliseo;  castelos e muíños de vento;
 O Taj Mahal; Pagodas e xardíns xaponeses...
A Torre Eiffel ou a de Pisa; a Praza de San Pedro; paisaxes venecianas; e, mesmo, a Ponte de Rande...
E moitas máis. O alumnado investigou sobre estas construcións típicas para conmemorar o Día do Medio Ambiente.

martes, 22 de marzo de 2016

SAÍNZA, UNHA AVENTUREIRA POLO MUNDO

Aproveitando as vacacións de Semana Santa, Saínza saíu de viaxe para coñecer todos os países e lugares que estamos estudando.
Queredes acompañala?Pincha para ter acceso á Presentación.

sábado, 19 de marzo de 2016

DÍA DA POESÍA 2.016

Co gallo do "DÍA DA POESÍA", que se celebra o 21 de marzo, nas semanas anteriores, organizamos na BIBLIOTECA unha EXPOSICIÓN con poemas en distintas linguas, traducidos ao castelán, para así proseguir a nosa particular viaxe polo mundo: “Poemas a la luna”; “Sentimientos y emociones” do italiano Roberto Piumini… e con libros de poesía en galego, sobre todo de Manuel María.

Confeccionamos un “Tendal poético”, situado no recibidor do colexio, para expoñer poesías e Haikus (pequenos poemas de tres versos de orixe xaponés) creados, polas aulas, sobre os países que estudamos dentro do noso Proxecto:

domingo, 13 de marzo de 2016

DÍA DA MULLER TRABALLADORA 2.016

"MULLERES DO MUNDO: DISTINTA ORIXE, IGUAL RELEVANCIA"  é o título da Presentación elaborada conxuntamente polas mestras/es e alumnado do colexio para conmemorar este ano o Día da Muller Traballadora, baixo a coordinación da Biblioteca e do Equipo TICS.
A Presentación recolle mulleres dos distintos países que estudamos nas clases, para así relacionalas co Proxecto da Biblioteca, e que foron, son e seguirán sendo moi importantes en distintas facetas do saber humano.

O 8 de marzo dita Presentación acompañou á entrada do alumnado ao colexio. Posteriormente, cada clase puido vela ao longo da mañá. 
Na Páxina Unha Viaxe polo mundo podedes gozar da  Presentación.