BLOG DA BIBLIOTECA DO CEIP PORTO CABEIRO (REDONDELA, PONTEVEDRA)

BLOG DA BIBLIOTECA DO CEIP PORTO CABEIRO (REDONDELA, PONTEVEDRA)
SAÍNZA, A NOSA MASCOTA

lunes, 27 de febrero de 2012

CHARLAS SOBRE O MAR E A ILLA DE SAN SIMÓN

O venres, 24 de febreiro, convidados pola Biblioteca, acudiron ao colexio un mariñeiro e unha parella de mergulladores para darlle sendas charlas, acompañadas de material gráfico, ao alumnado de Educación Infantil e de 1º e 2º de Primaria. 

                                                
Darío Alonso, veterano mariñeiro da praia de Cesantes contounos unha multitude de cousas relacionadas co seu oficio como, por exemplo, como se mariscaba tanto a pé como en barca, como se sementaban as ameixas, como se capturaban os chocos, polbos, percebes, ameixas… e con que aparellos, como se limpaban coas “dragas” os fondos mariños de lodo e algas, etc.



Jesús  Estévez e a súa muller, Eugenia, mergulladores e pais dun alumno do centro, faláronnos dos secretos relacionados co submarinismo: como eran os seus traxes e demais complementos necesarios e a súas distintas utilidades, como se practicaba esta actividade en equipo e a forma de comunicarse uns cos outros, cales eran as precaucións e perigos a ter en conta...


                                                      


O luns, 27 de febreiro, acudiron ao colexio para dar unha charla ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e ás familias Gonzalo Amoedo e Roberto Gil, policías locais en Redondela e investigadores, entre outros temas, sobre a Illa de San Simón con libros publicados sobre a mesma, que o noso alumnado puido coñecer e ler.


                                                                  

Ambos fixéronnos un percorrido histórico rápido de San Simón cando foi, por exemplo, un cenobio ou un lazareto pero, fundamentalmente, centráronse na etapa na que, tristemente, foi lugar de cárcere para miles de persoas durante a etapa do franquismo. Aportáronnos cifras tráxicas, como que máis de seis mil persoas estiveron presas nalgún momento na illa ou que delas máis dun dez por cento perderon alí a súa vida. Explicáronnos as difíciles condicións nas que se desenvolvía a existencia dos presos  como reflexión para que feitos deste tipo non se volvan repetir.



Tamén comentaron a beleza extraordinaria dunha illa dende a que se poden observar unhas fermosas paisaxes da Ría e na que hai esculturas que lembran aos Trobeiros da Ría de Vigo (Mendiño, Martín Códax e Xoán de Cangas) e , tamén, a Julio Verne, que ambientou “Vinte mil leguas de viaxe submarina” na nosa Ría.

No hay comentarios: