BLOG DA BIBLIOTECA DO CEIP PORTO CABEIRO (REDONDELA, PONTEVEDRA)

BLOG DA BIBLIOTECA DO CEIP PORTO CABEIRO (REDONDELA, PONTEVEDRA)
SAÍNZA, A NOSA MASCOTA

martes, 4 de noviembre de 2014

LITERATURA DE TRADICIÓN ORAL... CON XOSÉ COUÑAGO

     Sendo a Literatura unha das Artes Clásicas a estudar dentro do noso Proxecto, decidimos conmemorar a Semana da Literatura de Tradición Oral (do 4 ao 10 de novembro) con Xosé Couñago, profesor de galego na Escola Oficial de Idiomas de Vigo ademais dun gran estudoso, coñecedor e defensor de todo o que ten que ver co Patrimonio histórico-artístico, literario e lingüístico das distintas parroquias do Concello de Redondela, é dicir, do noso Patrimonio material e inmaterial. É autor de numerosos traballos publicados sobre estes temas e ten impartido numerosas conferencias como gran animador cultural que é.
     O luns, 3 de novembro, convidado pola Biblioteca, deu unha Charla ao alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria, aberta ás familias, sobre as Lendas Populares dos arredores do noso colexio: a lenda da moura-serpe, asociada ao Castro de Negros; a lenda da Santa Compaña do Chan da Cruz, asociada aos gravados rupestres da zona; a Parada de cortexos de enterros na Mamoa do Rei, asociada ás mámoas; a presenza da “Chácora” nos camiños de Monte Mirallo.

      Contounos historias e crenzas populares, transmitidas de pais a fillos, sobre o bosque animado de Galicia e os seus habitantes: lobos, ánimas, seres maléficos… Falounos das árbores milagrosas e das construcións, ao pé dos camiños, para protexernos dos perigos do bosque: os cruceiros, os petos de ánimas… Remontounos a un tempo pasado onde a xente buscaba axuda na natureza para sandar das súas doenzas: fontes, camas de pedra…


   Rematada a exposición, o alumnado puido facer preguntas contrastando co conferenciante o que coñecían sobre as lendas polas conversas das casas. Todos levaron a encomenda de preguntar nas súas familias. Despois da charla, nas  clases, o alumnado desenvolveu distintos traballos sobre o tema: resumes, relatos, investigacións…

No hay comentarios: