Xa rematou este curso que pasou moi, moi rápido. Desenvolvemos moitísimas e moi variadas actividades. Cal vos gustou máis? Espero que vos sexa difícil respostar porque nos esmeramos para que vos resultasen moi interesantes.
Na Festa de Fin de Curso, no pavillón, a modo de despedida, entregamos aos quince voluntarios e voluntarias de 5º e 6º de Primaria uns cadernos de agasallo para agradecerlles que nos botasen unha man no traballo diario da Biblioteca.
Agora quedo na Biblioteca, preparando todo para o vindeiro curso no que estudaremos un tema apaixoante: O ESPAZO.
Queremos
que coñezades a inmensidade que nos envolve e que inflúe de xeito tan
directo na nosa vida (a radiación solar, a atracción da lúa, os cometas,
os meteoritos, as estrelas…). Profundaremos no coñecemento do Sistema
Solar, en concreto do noso planeta, a Terra, e do seu satélite, a Lúa.
Os descubrimentos realizados por persoeiros importantes e os avances que países pioneiros conseguiron na carreira espacial centrarán tamén boa parte das nosas investigacións. Valoraremos a importancia da Astronomía e das distintas profesións relacionadas co espazo.
Semella moi interesante, verdade?
Pois ATA O ANO QUE VEN!!!
E LEDE MOITO NO VERÁN!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario